Seguimos con máis versións, esta vez cunha ronda a cargo dunha das miñas bandas favoritas dos 80, os poderosos Loop e o seu bó gusto e gran acerto á hora de reinventar clásicos de Neil Young, Can, Suicide, The Pop Group e dos seus colegas Godflesh.
'Rocket USA' (Suicide): A primeira das versións gravadas pola banda e incluída no seu debut Heaven's End de 1987. Fuzz a tope e fé en Alan Vega. Obsesiva e hipnótica, marca da casa.
'Thief Of Fire/Thief (Motherfucker)' (The Pop Group): Estridente e desesperada lectura do clásico dos non menos estridentes e despesperados Pop Group. Dobrando a duración e cambiando os aires funk da orixinal por unha onda xigante de guitarras e riffs monolíticos. Incluída no EP Collision (1988).
'Mother Sky' (Can): Interesante revisión dun dos temas emblemáticos do kraut-rock publicada no EP de 1988 Black Sun. Curioso que versionando a Can lles saíse un tema tan Neu!.
'Cinnamon Girl' (Neil Young): A menos afortunada do lote é a que editaron para o álbum The Bridge: A Tribute To Neil Young de 1989 no cal tamén colaboraban Nick Cave & The Bad Seeds, The Flaming Lips e os Pixies entre outros. Escasa inspiración para un tema que pudo dar máis de sí.
'Like Rats' (Godflesh): Quinta e derradeira versión grabada por Loop para un split compartido coa banda de Justin Broadrick no cal os dous grupos se versionaban mútuamente. O experimento chamouse Loopflesh/Fleshloop e publicouno Clawfist Records en 1991. Éste converteríase no último lanzamento da banda, nunca máis volveron a grabar nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario